A maiores, e tal e como xa se fai noutros municipios como o de Vigo, o goberno local ultima unha proposta co fin de bonificar o 80% da cota de Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica aos clasificados como ‘0 Emisiones’ pola DGT e aos etiquetados como ‘Eco’ durante os tres anos primeiros de matriculación.
Nesta liña, o consistorio adquirirá antes de fin de ano dous vehículos eléctricos que substituirán a dúas furgonetas municipais de máis de 20 anos de antigüidade e, polo tanto, moi contaminantes. «Dende o propio Concello queremos contribuír a baixar a cota de emisións coa renovación da flota a prol do uso de enerxías limpas», sinala o edil de Medio Ambiente, Diego García.
«Trátase de incentivar entre a veciñanza a compra de vehículos eléctricos porque son os únicos non contaminantes; é un transporte moi silencioso e que non produce ningún tipo de emisión», resume o alcalde, Juan González, quen considera «unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas». Deste xeito, o Concello de Nigrán segue a estela de moitas administracións públicas de toda Europa.
Este primeiro punto de carga semi-rápida xa operativo (engadiráselle un panel con información e sinalización horizontal) atópase no aparcamento da casa consistorial e conta con dúas tomas de alta potencia de 22 KW.
Todos os propietarios de coches eléctricos poderán empregalo de balde solicitando no Servizo de Atención Cidadá unha tarxeta magnética válida para subministrar enerxía durante un tempo máximo de 60 minutos (suficiente para cargar o 50% das baterías). De xeito piloto, o horario no que estará operativo será de 9:00 a 14:30 horas.