O acto comezou cunha representación simbólica da sinatura da acta de entrega do Castelo por parte da presidenta provincial, Carmela Silva, da man de Vinyals e Lluria. Trala sinatura, na porta de acceso ao castelo, as autoridades e convidados entraron no patio de Armas mentres o dúo musical Cómplices interpretaba pezas musicais en directo.
No patio de Armas proxectouse un vídeo de dous minutos no que se presentaron as actuacións acometidas no recinto, convidando á cidadanía a que o visite e coñeza o proxecto de musealización no que se pon en valor “o legado das Rías Baixas como nunca antes foi contado”.
Ademais, Vinyals e Lluria repasaron a historia da fortaleza, dende o medievo, pasando polo século XIX, ata o actual proxecto de musealización. Neste eido, a propia Vinyals destacou que o Ben de Interese Cultural conta desde agora con “dez salas, con vídeomapping, proxeccións en 3D, audiovisuais interactivos, reproducións de documentos históricos, xogos e maquetas que recollen a historia do castelo desde o século XII ata a actualidade”.
Finalmente proxectouse un vídeo de catro minutos que leva como banda sonora ‘Un lugar en el mundo’, a peza composta por Teo Cardalda que foi tamén o tema central da campaña turística da Deputación de Pontevedra. Este novo audiovisual, que formará parte das accións promocionais a partir de hoxe mesmo, ten como nexo común a melodía de Cómplices a través dun piano branco -o mesmo que estivo presente tamén durante a gala en Soutomaior- situado nos diferentes elementos do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra.
A través das imaxes e da música o vídeo recolle desde castelos como os de Soutomaior e Sobroso (Mondariz), a fortalezas como as de Baiona e Goián (Tomiño), torres como as da Lanzada (Sanxenxo) e Tebra (Tomiño), a capela da Peneda de Soutomaior, vistas da Guarda e de praias como as de Nigrán con Cíes ao fondo.
Ao remate da gala serviuse un aperitivo no que o espumoso de Albariño foi protagonista e entregáronse ás persoas convidadas cadernos e postais coa imaxe do Castelo de Soutomaior. Tamén se dispuxo un libro de visitas, que vai quedar no recinto para que as persoas que acudan ata o recinto histórico deixen as súas impresións sobre a visita.