Agora, tócalle a Vigo gozar da gran experiencia e sensibilidade de ambos músicos. A ‘masterclass’, que comezará ás 20.00 horas, terá unha duración de hora e media e nela darase unha introdución a música turca. Xusto despois, ás 22.00 horas, os músicos amenizarán a velada cun concerto no local de Galicia Fiddle en Vigo (rúa Teófilo Llorente, 16), onde achegarán aos asistentes unha experiencia inesquecible a través de diferentes instrumentos de corda de terras lonxanas, interpretacións cargadas de achegas persoais e repertorios das principais culturas musicais modais nos que traspasan as fronteiras en prol da universalidade.
Para asistir aos dous eventos o prezo será de 20 euros (10 euros para socios). Por contra, se só se quere asistir ao concerto o prezo será de 5 euros (3 euros para socios).
Michalis Kouloumis
Nado no seo dunha familia de fonda tradición musical na illa de Chipre, Michalis Kouloumis desenvolveu unha forte sensibilidade musical dende ben novo. Hoxe é un dos máis importantes violinistas na escea da música clásica otomana e da música tradicional Grega, amplamente recoñecido polas súas habilidades improvisatorias baseadas no emprego da música modal e noutras técnicas especiais coma o diplochordo.
Ten publicado varios traballos discográficos con diferentes proxectos ademáis dun traballo en solitario titulado Soleil. Ten tamén colaborado con músicos da talla de Ross Daly, Zohar Fresco, etc.
Alcanzou o grao coa máxima condecoración en violín pola especialidade de música clásica otomana no conservatorio de Rotterdam e actualmente imparte a área de violín e improvisación modal no mesmo conservatorio.
Efren López
López é un virtuoso músico multi-instrumentista, produtor musical e enxeñeiro de son, nado en Valencia. Foi membro cofundador de L´Ham de Foc e participou en diversos proxectos no eido da música antiga e das músicas tradicionais de raíces mediterráneas. Tamén ten colaborado con destacadísimos artistas do panorama pop-rock nacional como Manolo García, Chambao, Soledad Jiménez, etc.
Ademais dos numerosos traballos discográficos colectivos nos que ten participado, ven tamén de editar o seu primeiro disco en solitario El Fill del Llop aclamado pola crítica internacional no eido da ‘world music’. Como ensinante destaca a súa involucración na Berklee College de Valencia, os seminarios Labyrinthos de Creta e diversos cursos e talleres modais por toda Europa.