O Gabinete Urbanístico -integrado por dous aparelladores municipais e dous auxiliares administrativos- prestou asistencia pola mañá a 21 persoas, asesorándoas sobre todo la presentación da Comunicación Previa para levar a cabo a reparacións nos seus inmobles.
Mentres, o persoal dos Servizos Sociais Comunitarios coordinados pola traballadora social céntrase noutros aspectos coma a reubicación daqueles que non poden volver as súas casas. Así, nas próximas horas catro familias trasladaranse xa a unha vivenda en réxime de alugueiro, mentres que se continúa coa prospección no mercado inmobiliario para atopar pisos ou casas que se adapten as necesidades das familias pendentes de recolocar en función do número de membros da unidade familiar, menores escolarizados, disposición ou non de vehículo e necesidade ou non de transporte público entre outros aspectos.
No Centro de Atención aos Afectados están tamén tres traballadores sociais da Deputación de Pontevedra, aos que se sumarán dúas aparelladoras do Servizo de Arquitectura, un técnico de xestión económica do Servizo de Patrimonio e un experto en seguros.
Por parte da Xunta incorporarase un técnico do Instituto Galego de Vivenda e Solo que informará e asesorará sobre a liña de axudas que este xoves aprobará o Consello da Xunta. Tamén se conta con catro persoas voluntarias que están colaborar en distintas tarefas.
Traballos de reparación
No barrio da Torre continúan os traballos de avaliación e reparación de infraestruturas por parte do arquitecto municipal e operarios do servizo de obras. O Concello solicitará aos peritos xudiciais que están avaliando os danos en todas as casas -tanto na zona cero como fóra da mesma- que realicen tamén unha valoración económica para así poder cuantificar os danos provocados pola explosión do pasado mércores.
Ata o momento. segundo os datos dos técnicos municipais, hai 26 casas destruídas completamente, 49 inmobles coa estrutura moi afectada e 43 que presenta unha gran afectación na cuberta.
Precisamente dende o Centro de Afectados fan un chamamento a persoas que sufriron danos nos seus vehículos e que inicialmente non o rexistraron no expediente de incidencias a que se acheguen de novo ata este punto para incorporar eses danos, xa que precisarán formar parte da listaxe de afectados na tramitación que terán que facer coa aseguradora do seu automóbil.
Visita aos feridos
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, visitou este domingo ás catro persoas que continúan ingresadas en centros hospitalarios interesándose polo seu estado de saúde e transmitíndolles o apoio e solidariedade por parte do Concello.
Ao tempo, aproveitou o rexedor para coñecer de primeira man as necesidades que poden ter no momento en que sexan dadas de alta.
Disposición xudicial
Por outra banda, o home sinalado como responsable da explosión pasará novamente a disposición xudicial este martes pola mañá despois de que fose detido este luns por dous novos cargos, un presunto delito de riscos e outro de posesión de explosivos.
O fiscal pedirá o seu ingreso en prisión despois de que o xulgado decretara liberdade con cargos á espera de xuízo tras a súa anterior comparecencia.