Gonçalves denunciou que o hospital vigués conta cunha matrona por cada tres parturientes cando a OMS recomenda unha por cada muller ou como máximo por cada dúas e que se está a producir unha “diminución da calidade asistencial” aos pacientes.
“A realidade é que tivemos que asumir como válida a atención a dúas parturientes por cada unha de nós, e só cando esta expectativa se supera a dirección do hospital nos permite solicitar un reforzo. Non nos deixan solicitalo cando temos a previsión de sobrecarga, só cando xa a temos enriba. Esta situación de sobrecarga dáse polo menos unha vez á semana, e de cada cinco intentos de atopar a unha matrona que veña a reforzar, catro son infrutuosos. E cando se localiza a alguén, a veces non chega ou chega tarde.”, apuntou.
Despois da súa intervención, concelleiros dos tres grupos políticos municipais tomaron a palabra. Pola Marea, Margarida López reclamou á Xunta máis formación e recursos nun servizo que é «crítico» e recordou que este se engade a outros «problemas» que presenta o centro hospitalario. Polo PP, Ángel Piñeiro trasladou o seu «apoio» ao colectivo, expuxo que o servizo é «mellorable» e asegurou que, «pese a todo», é a función mellor valorada polos usuarios do hospital, cun nove sobre dez.
Polo goberno de Vigo, Cayetano Rodríguez argumentou que o denunciado amosa a «esencia» dos problemas da sanidade viguesa, pois non é consecuencia dun problema «puntual» no hospital senón «estrutural, de política sanitaria, de política con maiúsculas». O concelleiro insistiu en que as denuncias dos distintos colectivos sanitarios revelan o «fracaso do modelo» empregado pola Xunta para o Álvaro Cunqueiro.
Resposta do Sergas
A intervención no pleno tivo a resposta do Servizo Galego de Saúde (sergas), que nun comunicado asegurou que desde a apertura do Álvaro Cunqueiro incrementouse a dotación de persoal con tres matronas e un auxiliar de enfermería. «Así, a dia de hoxe, o servizo conta cun equipo de profesionais ben dimensionado para prestar esta atención, composto por 30 matronas e 20 TCAEs, o que convirte ao noso centro no máis e mellor dotado de Galicia, no que traballan no seu conxunto máis 130 profesionais de todas as categorías», defende o Sergas.
A dirección do hospital tamén sostén que todas as ausencias de xornada completa se substitúen (o que non se substitúe son aquelas ausencias durante unhas horas da xornada laboral, por diversos motivos xustificados como ter consulta médica, por exemplo….)
Ademais, lembra que as cargas de traballo deste persoal teñen diminuído, xa que neste ano lévanse contabilizados máis dun centear de partos menos con respecto ao mesmo período do ano anterior.