Organizado polo Marco en colaboración coa Sociedad Verniana de Vigo, o encontro incluirá a proxección dun audiovisual e unha conferencia a cargo do historiador Antonio Giráldez Lomba,vicepresidente do Instituto de Estudios Vigueses e membro da Sociedad Verniana de Vigo. A presentación estará a cargo do xornalista Eduardo Rolland, membro da SVV e autor das obras Verne en la bahía del tesoro e 20.000 leguas de Verne a Vigo. Rolland é asesor de contidos da mostra sobre Xulio Verne no Marco.
O 1 de xuño de 1878, hai agora 140 anos, Jules Verne facía a súa primeira visita a Vigo, a bordo do seu iate, o ‘Saint Michel III’. Durante catro días, o escritor de Nantes integrouse plenamente na vida social da cidade, participando na festa da Reconquista ou contemplando a procesión do Cristo da Vitoria.
Recibido polas autoridades locais e convidado a festas nas sociedades recreativas, Verne tamén paseaba as rúas de Vigo, para contemplar as vistas dende a fortaleza do Castro ou tomar café na praza da Constitución ou no Café Suizo.
Unha década antes, Verne dedicara a Vigo o máis importante capítulo da súa novela 20.000 leguas baixo dos mares, no que el capitán Nemo rescata os tesouros dos galeóns afundidos na batalla de Rande. O 18 de febreiro de 2018 cumpríronse tamén 150 anos da visita literaria do submarino Nautilus á ría viguesa.
O escritor francés regresaría seis anos máis tarde, en 1884, nunha segunda visita. Ademais, deixou escritos sobre ambas as dúas visitas, desfacéndose en eloxios sobre a cidade de Vigo e a súa ría.
O Marco acolle ata o 16 de setembro a exposición ‘Xulio Verne. Os límites da imaxinación’, unha mostra de Fundación Telefónica na que a través de diferentes espazos se traza un percorrido sobre a obra do escritor francés, con especial atención á súa relación coa cidade de Vigo na sala ‘Mobilis in mobili’.