O rexedor, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, José Manuel Muñiz; os actuais líderes da Copa Galicia de Enduro masculina e feminina, Toni Pérez e Desirée Duarte (do Condado Bike A.D.), e o organizador, Guillermo Janeiro, explicou que esta é «unha proba extraordinariamente dura», e chiscou un ollo tamén á procedencia de Duarte, que é natural de Ponteareas. «É unha marca importante en ciclismo, non é un tema calquera, e liderar a Copa Galicia tampouco é tema menor».
Clasificatorio o Cidade de Vigo para as Enduro World Series 2019, a única proba en España que puntúa para entrar no circuíto mundial, Janeiro citou este asunto como «moi importante» pois supón a presenza de «bikers» de Portugal, de Galicia «e doutras partes de España» neste Trofeo Cidade de Vigo.
Con 180 inscritos «un deles é o propio presidente Muñiz», a competición, que será ademais Campionato de Galicia de Enduro e decide a Copa Galicia (circuíto de catro probas que pecha a Vigo Bike), conta co apoio do Concello de Vigo, Montes de Vigo e a comunidade de montes de Candeán ademais da Federación Galega de Ciclismo e, entre os patrocinadores, de Coca Cola, Gadis, Specialized, Five Ten ou Eléctrica Motorcycles.
Este ano a organización elixiu o parque forestal do monte Vixiador como saída e meta. «Sempre fomos fieis a Coruxo, pero tivemos que movernos de ubicación polos incendios», explicou o organizador.
Así, os tramos serán polo Vixiador e Candeán, pero tamén por Cedeira, Cabeiro e Trasmañó, parroquias de Redondela. Parte do recadado servirá para «plantar un cento de carballos nos montes de Coruxo», anunciou Janeiro. Caballero, pola súa banda, animou a que o público acuda a «un lugar extraordinario».
Esta é a terceira data da proba, posposta dúas veces en marzo (alerta laranxa e pésimo estado dos carreiros polas choivas). «Antes, aínda que houbese temporal, facíase igual… Isto modernizouse moito», chanceou o xefe do goberno local.