O seu discurso, no que avanzou algunhas das súas liñas estratéxicas de traballo para os próximos anos, sucedeu ao pronunciado por Salustiano Mato que asegurou marchar “coa sensación do deber cumprido e coa ledicia de ver á Universidade situada nos eidos máis salientables do ámbito nacional e internacional”. Mato, que agradeceu o traballo desenvolvido polo seu equipo, polo PAS e o PDI e por diferentes institucións, ofreceuse a axudar ao seu sucesor e marchar “coa Universidade de Vigo na cabeza e no corazón”.
O acto de toma de posesión, celebrado a mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que estivo acompañado na mesa presidencial polos reitores das universidades de Santiago, Antonio López, e A Coruña, Julio Abalde; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodriguez e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa.
Feijóo referiuse á cooperación como a máxima que considera rexe entre as tres universidades galegas e que fixo posible acordos para a docencia médica ou para a creación do novo consorcio interuniversitario. O presidente da Xunta aludiu a algúns dos éxitos acadados nos últimos anos pola institución académica viguesa e rematou ofrecendo a colaboración do Goberno galego ao novo reitor, que dixo trae “experiencia, prestixio, independencia e ilusión”.
Tras prometer o seu cargo e recibir de mans do seu antecesor a medalla e o bastón de mando, Reigosa pronunciou un discurso que iniciou agradecendo o apoio recibido para acadar a súa elección e no que manifestou a súa intención de traballar para programar a universidade do futuro, “porque temos que alonxar a mirada e levantar a cabeza”.
O novo reitor retomou o seu lema de campaña con H2040 para referirse a unha universidade das persoas, “agarimosa” e á que a comunidade universitaria se sinta honrada de pertencer. O novo reitor gabou a campaña “limpa e nobre” realizada por Emilio Fernández á fronte de Ideas que suman e agradeceu o apoio do PAS, PDI e alumnado e moi especialmente o traballo desenvolvido polas e polos integrantes do seu equipo de goberno “por embarcarse nunha aventura que eu consideraba moi difícil”.
De seguido, debullou algúns dos seus principais obxectivos, que pasan por acadar, asegurou, mellores condicións de traballo para o persoal; darlle maior pulo á docencia; simplificar a burocracia; apostar polos recursos humanos; facer rexurdir o Claustro, así como negociacións máis fluídas con diversos colectivos, como o sindical. “Temos que facer un esforzo por captar alumnado nos países de fala hispana e tamén de Brasil, sen esquecer o inglés”, destacou Reigosa, que tamén incidiu na necesidade de incorporar docentes e persoal investigador para renovar, no primeiro caso un cadro de profesorado cada vez máis avellentado e para recuperar o pulo nas publicacións científicas de alto nivel, no segundo.
Peticións á Xunta
Reigosa demandou do presidente da Xunta a axuda do executivo galego para que as tres universidades do SUG volvan ter presenza no ránking de Shanghai, “un logro extraordinario”, conseguido no caso de Vigo no curso 2011-2012, e manifestou a súa aspiración no caso do ránking Times Higher Education de situar á institución académica viguesa entre o grupo das 100 primeiras universidades de menos de 50 anos.
Neste sentido, aludiu ao programa autonómico Ultreia 2020, que inclúe opcións de mellora no ámbitos da calidade e a internacionalización. Tras reiterar que as clasificacións son importantes, Reigosa rematou o seu discurso referíndose ao que sinalou como o seu primeiro obxectivo para os vindeiros catro anos, “estes dias miro moitos sorrisos polo campus e espero que dentro de catro anos sigan eses sorrisos”, dixo o reitor. Rematado o seu discurso, as e os integrantes do seu equipo de goberno prometeron os seus cargos.