A rúa Caranguexo, con remate na praia de Prado, ten actualmente graves problemas de circulación do tráfico rodado, especialmente no verán, xa que carece de vías de evacuación ou zonas de aparcamento delimitadas, a maiores, presenta defectos de recollida de pluviais ou saneamento que ao fin se verán solventados e que provocaban as queixas dos veciños.
O proxecto do Concello de Nigrán contempla, entre outros aspectos, a mellora da circulación mediante a creación dunha glorieta axardinada no seu remate en Prado ou a renovación das beirarrúas para que cumpran tódalas normas de accesibilidade. Ademais, substituirase todo o pavimento, implantarase alumeado público mediante luminarias LED e, grazas á pendente natural, recolleranse as pluviais mediante sumidoiros que irán ao colector xeral (aproveitando esta última actuación resolverase o problema de carga dos colectores de saneamento que, en momento de choiva, inundan fincas colindantes). A construción da glorieta supón retirar as sinais verticais e demoler o pavimento de formigón actual.
Por outra banda, o proxecto contempla unha pequena zona de descanso con dous bancos, dúas papeleiras e unha fonte (o que implica ampliar o abastecemento ata a zona de praia).
«O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e humanizar toda a contorna, xa que actualmente a rúa presenta problemas de circulación, falta de ordenación do aparcamento ou deficiencias nos colectores de saneamento ou pluviais», sinala o alcalde, Juan González.