Na primeira fin de semana de funcionamento do “plan de acción integral” que o Concello vén de implantar -que inclúe vixilancia policial, mellora da iluminación e da limpeza, presenza dos Coidadores de Barrio e humanizacións- o dispositivo municipal funcionou con normalidade, con presenza de dúas patrullas da Policía Local tanto o sábado coma o domingo.
Regades lembrou que xa está en obras a remodelación do parque Camilo José Cela cun investimento de 2,8 millóns de euros, cun elevador que dará continuidade ao ascensor xa operativo entre Pi y Margall e Camelias, unha reforma que inclúe ademais cámaras de seguridade nos embarques ao elevador, novo pavimento, unha gran área de xogo infantil, arborado e espazos verdes, e novas canalizacións de pluviais, rego, saneamento e drenaxe, xunto a alumeado LED máis eficiente.
O Concello continúa coa humanización de Marqués de Valterra, cun orzamento próximo ao millón de euros e que tamén suporá a instalación dun ascensor de conexión con Torrecedeira. Unha medianeira será decorada no marco do programa municipal ‘Vigo Cidade de cor’. Regades recordou igualmente que o goberno vigués mellorou o acceso ao colexio Ramón y Cajal.
Ademais, o concelleiro anunciou o inicio “inmediato” da humanización de Camilo José Cela, con case 700.000 euros de investimento, e a licitación “en breve” da remodelación da rúa Pazos, con case 200.000 euros de orzamento para o tramo comprendido entre Menéndez Pelayo e López Mora. Por último, o Concello acometerá a renovación do abastecemento e do saneamento en Baixada a Pontillón con máis de 150.000 euros.