Segundo informaba este xoves a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, “este reforzo profesional permitirá optimizar servizos municipais de mantemento de parques e xardíns e limpeza, así como velar pola seguridade dos bañistas durante a tempada estival na piscina ao aire de San Eleuterio, previr e loitar contra os incendios forestais… etc.; ao mesmo tempo que continuamos deste xeito a promover políticas activas de fomento do emprego que nos axuden a seguir diminuíndo a taxa do paro en Mos, que se atopa xa actualmente en niveis de 2005”.
Oito destes traballadores incorporáronse ao traballo na administración local xa o pasado mes de maio e foron contratados con cargo ao Plan Concellos 2018-2019 na liña de ‘emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais’. Trátase dun oficial de primeira xardineiro, tres peóns de obras públicas e tres operarios conservadores de parques e xardíns. Os oito traballarán no Concello de Mos ata finais de ano e para elo a administración local recibiu da Deputación unha axuda de 93.968 euros.
Os 20 traballadores restantes comezarán a traballar nun prazo de pouco máis dunha semana. Deles, catro son peóns forestais que se contratarán durante nove meses grazas á subvención de 45.000 euros do programa Aprol Rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Dous son monitores-socorristas para velar pola seguridade dos bañistas na piscina de San Eleuterio durante a tempada estival. O contrato terá unha duración de dous meses e o importe subvencionado ascende 6.400 euros. Esta axuda atópase enmarcada na liña de subvencións da Secretaría Xeral de Emprego para entidades locais que contraten traballadores desempregados para a realización de obras e servizos de interese xeral e social.
Por outra banda, outros cinco incorporaranse grazas á subvención para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. Trátanse dun auxiliar administrativo, dous operarios de limpeza e dous peóns. A axuda, da consellería de Economía, Emprego e Industria, ascende a 49.311 euros.
Por último, está a subvención anual da que goza dende 2016 o Concello de Mos para a prevención de incendios forestais grazas a un convenio de colaboración asinado coa consellería do Medio Rural. Grazas a esta axuda a administración local mosense vai contratar a unha brigada contra incendios formada por 14 persoas: nove condutores motobomba, catro operarios peóns e un xefe de brigada. O importe total da axuda concedida por Medio Rural ascende a 60.679 euros.