As persoas que participen desta iniciativa poderán coñecer dun xeito diferente parte da historia de Galicia a través do Castelo de Sobroso. Van guiar a visita a raíña Dona Urraca, que estivo presa na fortaleza e fuxiu por un pasadizo, e Pedro Madruga, quen a reconstruíu tras as revoltas irmandiñas. Trátase dunha visita que, ao mesmo tempo, tamén serve para pór en valor a natureza, a paisaxe e o patrimonio do Castelo de Sobroso.
As persoas que estes días gocen das visitas tamén poderán realizar a “Senda do Bosque Atlántico”, unha senda ambiental para coñecer a historia e a natureza do castelo a través de audioguías e de códigos QR que se poden ir descargando no percorrido. Ademais, outra iniciativa posta en marcha recentemente para impulsar o Castelo de Sobroso é a creación dun “Xardín do Corpus”, no que se cultiven especies florais e arbustos propios desta festa de interese turístico internacional tan ligada precisamente a Ponteareas.
Todas estas iniciativas enmárcanse dentro da estratexia de posta en valor do Castelo de Sobroso, cuxos obxectivos son converter a fortificación nun importante foco de atracción de visitantes, ao igual que xa sucede co Castelo de Soutomaior, e lograr ademais manter así o patrimonio da provincia en condicións óptimas.
Ata o momento, o Goberno provincial leva investido máis de 500.000 euros na mellora da edificación e no acondicionamento do Castelo de Sobroso. As últimas actuacións, polas que o recinto estivo pechado, foron para acometer diversas obras de conservación polas que se actuou tanto na parcela como na muralla, na capela e na propia edificación. Unhas actuacións que supuxeron un investimento de máis de 314.000 euros.