Segundo apuntou o alcalde, o servizo -que ronda o millón de euros para este e o próximo ano- prestarase na Punta, en Tombo do Gato, Argazada, Samil, O Vao, Fontaíña, Canido, Fortiñón, Rodas e Figueiras, desde mediados de xuño ata mediados de setembro.
Este contrato tamén inclúe a seguridade e accesibilidade ao baño das persoas con mobilidade reducida, as cadeiras anfibias nos meses de xullo e agosto no Vao e Samil, co mesmo sistema de funcionamento que en veráns anteriores.
Abel Caballero vinculou estes servizos á renovación das doce distincións que Bandeiras Azuis concedeu a Vigo este ano, todas as que solicitou o Concello. A cidade conta coas nove praias pedidas e con tres sendeiros azuis: Camiño do Lagares, Senda entre faros nas Illas Cíes e Senda litoral e do monte da Guía.