Este punto móbil, pioneiro en toda a comarca, consiste nun remolque habilitado ex-profeso para poder depositar en compartimentos diferenciados pequenos electrodomésticos, pilas, aceite, halóxenos, baterías, radiografías ou aerosois, residuos que se xeneran en tódolos fogares en pequena cantidade pero que raramente os cidadáns achegan ata o punto limpo fixo pese a súa alta toxicidade.
Así, dende o Concello de Nigrán xa se pechou un calendario de aquí a final de ano con ubicacións en 9 puntos de todo o municipio. Arranca este luns (do 18 ao 24 de xuño) no aparcamento da praia de Patos, do 25 ao 1 na antiga escola de San Pedro, do 2 ao 8 de xullo á beira do cemiterio de Parada, do 9 ao 15 no aparcamento da Praza do Peregrino en Priegue, do 16 ao 21 no Centro Cultural A Camoesa de Camos, do 23 ao 29 na marquesina de Chandebrito, do 30 de xullo ao 5 de agosto nas Angustias (Nigrán), do 6 ao 8 de agosto na AAVV Monteferro (Panxón) e do 13 ao 19 de agosto no torreiro de Vilariño (a continuación repítese semanalmente na mesma orde).
“Trátase dunha iniciativa sinxela, que non supuxo ningún custe para o Concello, e que facilita enormemente aos veciños a correcta reciclaxe de residuos. Ao mesmo tempo, conciencia, fomenta e mesmo educa na importancia da reciclaxe”, reflexiona o alcalde, Juan González, quen incide en que, ao mesmo tempo, “servirá para incrementar a correcta xestión dos pequenos aparatos ou residuos (como baterías de móbil ou pinturas) e reforzar o uso do punto limpo fixo para os aparatos máis voluminosos”.