Este hospital contará con oito postos completos de atención sanitaria supervisados por un médico, dou enfermeiros e catro técnicos de Emerxencia Sanitaria. Como novidade, se instalará unha carpa para a atención de posibles casos de violencia de xénero. O dispositivo sanitario o completarán dúas ambulancias UVI-Móvil e outra asistencial.
Paralelamente, o Concello pechou un dispositivo de seguridade tamén máis numeroso do habitual participando nel a totalidade do persoal da Policía Local de Nigrán (composto por 30 efectivos e máis reforzos doutros concellos), 45 efectivos da Garda Civil (dez máis que o ano pasado), catro da Policía Autonómica (encargada, sobre todo, da posible venda de alcol a menores) e 25 de Protección Civil. Ademais, axentes da Agrupación de Tráfico realizarán controis aos condutores e o Seprona atenderá a calquera posible dano ambiental, especialmente nas dunas.
«Temos todo disposto e completamente coordinado para que a festa transcorra con normalidade, sen incidentes, e que polo tanto as fogueiras sexan as protagonistas», resume o rexedor, Juan González.
Coma o ano anterior, o Concello de Nigrán blindará as dunas de Panxón con 700 metros lineais de valo de dous metros de altura para evitar calquera dano, polo que os asistentes só contarán cunha zona de paso á praia (o resto elimínanse para incluílas dentro do cercado). Unha vez máis, dotaranse dunha iluminación extra para que a vixilancia por parte do Seprona sexa o máis efectiva posible. «Non se pode arroxar pola borda o traballo realizado para a rexeneración dunar, temos que ser precavidos», insiste Juan González.
Recollida de lixo e taxis
Ao mesmo tempo, desde o Concello dispúxose todo para que a mañá do domingo a praia se atope en perfectas condicións. O persoal ao completo de Cepsa-Ferrovial e os operarios municipais de Vías e Obras conformarán o dispositivo de limpeza, empezando as tarefas tras o desaloxo da praia ás 06:30 horas. Como outros anos, comezarán os traballos desde a punta de Panxón.
Paralelamente, e por segundo ano consecutivo, os taxistas de Baiona e Nigrán acordaron poder recoller pasaxeiros en ambos municipios os días 23 e 24 de xuño, pacto que xa foi autorizado dende os respectivos concellos e trasladado á Consellería de Emprego, Comercio e Industria para a súa autorización. Pola súa banda, a concesionaria de autobuses ATSA disporá de liñas especiais dende as 6:00 horas.
O Concello de Nigrán recibiu a solicitude para realizar 25 fogueiras na noite de San Xoán en todo o municipio, ben por parte de particulares ou asociacións. «Agardamos que sexa de verdade unha noite de convivencia na que prime o civismo e a responsabilidade».