A música comezará cunha proposta para os máis pequenos da man de Nelson Quinteiro e o seu espectáculo ‘As nosas músicas’, co que se achega á tradición instrumental e vocal da terra.
O momento máis reivindicativo chegará coa actuación das Punkiereteiras, grupo de Ponteareas formado integramente por mulleres comprometidas coa igualdade que traballan na loita contra as inxustizas de xénero. Trátase dunha aposta do Festival Folk Illa de San Simón coa que defender que o avance se conxuga en feminino.
O cartel musical da noite máis curta do ano fechará coa actuación da Fanfarria Furruxa, grupo de Caldas de Reis con moito ritmo que mestura o folk galego e as gaitas con outros estilos e instrumentos.
Coma cada ano haberá tamén unha barra con bebida e comida a prezos populares coa finalidade de reunir fondos que irán destinados integramente a cubrir os gastos xerados polo propio evento. Do mesmo xeito a organización venderá camisetas da novena edición cun novo deseño, herbas de San Xoán e auga de sete fontes.
En canto á fogueira, dende a organización do evento están solicitando a toda a veciñanza que respecte as normas e que non bote no lugar materiais que non poidan ser queimados, coma lixo ou mobles de madeira pintados ou vernizados.