Abel Caballero ratificou esta mañá o comezo dunha «nova senda» do Festival de Jazz de Vigo, con entidade propia e que busca responder «á enorme afección ao jazz» que hai en Vigo. «Temos que facer emerxer e facer moi visible esa cultura», destacou o rexedor. Este evento, organizado polo Concello baixo a dirección artística de Yago Vázquez e Felipe Villar -este último presente na rolda de prensa-, contará con 19 formacións e solistas internacionais, nacionais e galegos e un orzamento integramente municipal de 150.000 euros. Os espazos nos que se vai desenvolver son o Auditorio Municipal de Vigo, A Casa das Artes, o Conservatorio Superior de Música ou lugares ao aire como a rúa Londres ou a Praza da Princesa.
Pola súa banda, Felipe Villar coincidiu co rexedor en que «se trata dun gran festival» e destacou que en Galicia «hai unha carteira importante de músicos cunha calidade espectacular».