A decisión de facer folga está motivada polo intrusismo laboral que sofre o colectivo e a “desprotección” que senten por parte das administracións públicas e as empresas do sector, que “non valoran” o seu traballo. Ademais, consideran que as visitas guiadas que se levan a cabo non reúnen os requisitos mínimos de interpretar os valores naturais e culturais das illas.
Por outra banda, a asociación reclama a mellora das condicións laborais nas empresas do sector que realizan este tipo de servizos e a desaparición da “crecente precariedade”.
“O noso obxectivo é o de divulgar e concienciar aos visitantes da importancia de conservar este espazo natural único en Galicia mostrando sempre unha clara vocación e paixón pola nosa profesión. Consideramos que o traballo que realizamos é moi importante tanto para a conservación deste espazo como para axudar ós visitantes a vivir unha experiencia única, proporcionando calidade e profesionalidade ó servizo de visitas guiadas”, expoñen.
Unha das razóns polas que entenden que isto non acontece é a falta de formación, tanto en coñecementos coma en técnicas de comunicación, de moitos traballadores que fan o servizo de guía “sen ter sequera acreditación”.
Igualmente, quéixanse de que o novo Plan Rector de Usos e Xestión “non especifica de xeito claro a obrigatoriedade de estar acreditado” e que o propio organismo que xestiona o parque converteuse nunha “fábrica de guías” ao dar cursos a máis de 600 guías acreditados.
Agaia considera que non ten ningún sentido formar a tantos guías, se despois non se realiza ningún seguimento nin control nin se organizan cursos de actualización de coñecementos.