Organizado por Turismo de Galicia, o concurso busca promover a creatividade gastronómica, especialmente a presentada en pequeno formato, como elemento dinamizador do turismo urbano, no que cada vez máis os visitantes buscan un achegamento á cultura, ás tradicións e á innovación dos seus destinos tamén a través do padal.
Desta volta, Rafael Pérez participa con ‘Itsasgorri (Mar Roxo)’, baseado en produtos tan presentes nas cociñas galegas coma nas vascas e que lle fixo gañador por segundo ano consecutivo do concurso Petisquiño de Vigo. Trátase dun pastel prensado de xurelo mariñado que inclúe tamén pemento asado, anchoa en conserva, caviar de olivas negras e dados de vermú galego xelatinado, nun conxunto enmarcado por dúas tellas crocantes de pan tramezzini e aderezado con sal, pementa e lima.
A gala
A final do cuarto certame De Tapas por Galicia desenvolverase nun ‘showcooking’ no que participarán os sete chefs galardoados nos concursos das súas respectivas cidades. Ao remate da gala entregaranse dous premios, un deles outorgado por un xurado de profesionais da gastronomía e a restauración e outro concedido por unha selección do público asistente.
No evento, Rafael Pérez competirá con Alejandro Martínez, do Café Vanessa (Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón, do restaurante Eclectic (Coruña); Rubén González Vallejo e Sergio Orge, de El Cafetín (Pontevedra); Álvaro Pérez, do gastrobar ArteSana (Santiago); Bianca Coura e Pablo Domínguez Veloso, do restaurante A Adega das Caldas (Ourense); e Alejandro Méndez Lázare, da Arrocería Os Cachivaches (Lugo).