‘Hands os Science’ promove o achegamento á ciencia a través da aprendizaxe activa na que todas as teorías poidan ser postas en prácticas para coñecer a utilidade e a accesibilidade aos métodos científicos. Coa intención de que nas aulas se poida realizar coas propias mans do alumnado experimentos científicos, o evento acollerá unha serie de presentacións, conferencias e exposicións nas que os participantes poidan intercambiar experiencias, problemáticas no ensino, boas prácticas e todas aquelas cuestións relacionadas coa ensinanza das ciencias.
A comitiva ponteareá participará con tres ponencias: o profesor do Pedra de Auga presentará o xogo educativo da súa creación “Once Torres”; o profesor do Val do Tea Cándido Fernández e as súas tres alumnas Aida Rodríguez, Ana Nogueira e Ana Presa dará a coñecer un traballo de investigación que foi presentado no congreso de alumnado na pasada edición da semana das ciencias e outra da concelleira que fará un percorrido pola evolución da Semana das Ciencias durante estes anos e co convencemento de que este tipo de experiencias deben ser aplicadas en outras localidades do estado español e doutros países.
Por segundo ano consecutivo Ponteareas estará neste congreso internacional no que participan países de todo o mundo como Croacia, Francia, Italia, Xapón, Polonia, Portugal ou Romanía
HSCI´2018 Conference abarcará toda a variedade de temáticas relacionadas co ensino das ciencias: química, física, tecnoloxía, botánica, arqueoloxía, matemáticas, ciencias da saúde, informática, robótica, psicoloxía, socioloxía, bioloxía, xeografía, arquitectura ou zooloxía.
As ponencias versarán sobre os novos retos da ciencia, a innovación científica, o papel da ciencia no ensino e na sociedade, métodos de ensino da ciencia, o acceso da muller á ciencia, a ética na investigación científica…