Así se lles informou aos veciños e colectivos sociais de Matamá, que foron recibidos nunha reunión xa programada previamente pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves. Ao encontro estaban convidados os partido políticos locais pero só acudiu o PP.
Ambos representantes autonómicos trasladaron que esta é unha das principais conclusións que se recollen no informe elaborado polo Consello Consultivo de Galicia, solicitado pola Xunta de Galicia sobre a posibilidade de aplicación da Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.
A Xunta decidiu solicitar un informe ao máximo órgano consultivo da comunidade tras recibir unha solicitude do Concello de Vigo para que a Secretaría Xeral de Deportes declarara a urxencia e excepcionalidade na construción por parte do Concello dun pavillón municipal en Matamá.
No informe elaborado polo Consultivo afírmase que a declaración de urxencia debe referirse a unha imperiosa necesidade, é dicir, aquela que non admite dilación sen grave quebranto para un servizo ou necesidade de carácter público, e sempre e cando “non poda satisfacerse doutro xeito e dentro das posibilidades que ofrece o planeamento en vigor”.
Asemade, o organismo recolle que os concellos, como promotores, quedan excluídos da lei medidas en materia de proxectos públicos de urxencia o de excepcional interese ao ter competencias urbanísticas propias. “Do mesmo xeito que as administracións non poden concederse licencias a si mesmas, nin sancionarse a si mesmas, carece de sentido que as citadas previsións da lei poidan aplicarse aos concellos”, esgrime.
Nesta mesma liña, recorda que os plans xerais de ordenación municipal deben formularse polos concellos, que son os titulares desta potestade, para indicar que, cando un proxecto pretenda executarse e non se axuste ao planeamento, “o concello pode –e debe- promover a modificación do PXOM, sen que sexa imprescindible empregar as facultades excepcionais previstas na Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese”.