Así, ofértanse 1.184 postos aos que poden concursar 2.223 profesionais de nove categorías do cadro de persoal do Chuvi como enfermeiro, fisioterapeuta, técnico en coidados auxiliares de enfermería, auxiliares administrativos, celadores, técnicos en diagnóstico por imaxe, terapeutas ocupacionais, logopedas, e enfermeiros especialistas en saúde mental.
Isto é, o persoal fixo desas categorías profesionais con destino definitivo nos centros que conforman o Complexo Hospitalario de Vigo poderán participar voluntariamente no concurso de mobilidade interna para optar a un novo posto de traballo, cambiar de centro, de Unidade ou de horario (ofértanse quendas fixas e quendas rotatorias).
Segundo explica a directora de Recursos Humanos da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Ana Comesaña, “esta convocatoria é a primeira que se produce desde o ano 2010 con acordo dos representantes sindicais, o que ven a confirmar a normalidade nas relacións laborais. Considerase unha oportunidade para todo o persoal fixo que poderá ver melloradas as súas condicións de traballo e realizar a súa actividade noutras unidades distintas a de orixe para desenvolver a súa carreira profesional”.
Baremos e prazos
Os baremos do concurso que ordenarán ao persoal contemplan diversos apartados de méritos como experiencia, formación e docencia. O prazo para concursar será desde o próximo 16 de xullo e ata o 18 de setembro .
O Chuvi está conformado polos hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro, Nicolás Peña, Rebullón, Centro Integral de Saúde Taboada Leal, así como outros centros dependentes do cadro de persoal dos servizos centrais da EOXI, con distintas unidades funcionais tanto de hospitalización, como de consultas externas, áreas de críticos e áreas especiais como Urxencias, UCI, Unidades pediátricas, Onco-Hematoloxía, Hemodinámica, Radioloxía, Diálise, Farmacia, Transfusión, Laboratorio, Endoscopias, Reanimación, e Quirófano.
Na actualidade, o persoal da EOXI de Vigo ascende a 6.555 persoas.