«Trátase dunha gran xornada lúdica e educativa na que buscamos non perder a memoria do acontecido e concienciarnos todos do desastre absoluto que supoñen os incendios», reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.
O promotor deste novo colectivo artístico, o escultor Juan Coruxo, iniciou este venres xunto aos seus compañeiros Remigio Dávila e Rosendo González a talla de cinco árbores secas e que están situados na Alameda de San Campio. O obxectivo é que durante o domingo rematen o traballo como parte fundamental da celebración da xornada ‘Arte no Queimado’, que reunirá a preto dunha vintena de artistas (fundamentalmente pintores e escultores) traballando en vivo na Alameda de San Campio con material procedente maioritariamente dos lumes de outubro.
Ademais, durante todo este día haberá obradoiros infantís e, pola tarde, de 20:00 a 21:00 horas, un ‘Pasarrúas Máxico’ a cargo da compañía A Illa dos nenos que conxuga a maxia e o circo para crear un mundo fantástico cheo de ilusiónes e sorrisos. Dous magos acompañados de dous zancudos serán os encargados de marabillar ao público que atopen ao seu paso polo paseo da Foz ata chegar á Alameda, onde realizarán un gran espectáculo conxunto.
O punto e final á xornada de ‘Arte no queimado’ o porá ás 21:00 horas o acordeonista de Priegue Roberto Comesaña, gañador dun Grammy no ano 2016 co tema «Cabaliño» xunto a Cristina Pato, Anxo Pintos e Davide Salvado; amén de sumar outros destacados recoñecementos na súa importante traxectoria (foi tamén Primeiro Premio no certame Nacional de acordeón, na categoría de música popular, no ano 2009).