Na proposta de acordos, inclúese instar á xerencia do centro médico a que “faga responsable delo á sociedade concesionaria e ás empresas que contrata para a realización de diversas funcións, xa que ambas reciben cuantiosas remuneracións anuais de cartos públicos”.
Segundo a concelleira Marga López Barreiro, “as persoas responsables desde a Consellería de Sanidade e a Xerencia do hospital Álvaro Cunqueiro están tratando de paliar as deficiencias da xestión privada do hospital e a súa incapacidade fronte á sociedade concesionaria facendo que o persoal TCAE asuma tarefas que non lle corresponden”.
Nestas últimas semanas, o persoal TCAE ten levado a cabo unha serie de mobilizacións e xornadas de folga na defensa das súas condicións laborais. Mobilizacións que, para Marea de Vigo, son “provocadas polas consecuencias do modelo privatizador da Sanidade”.
“Este conflito é unha evidencia máis do fracaso que supón este modelo de xestión , no que ademais se premia con altos beneficios ás empresas privadas a costa do conxunto da cidadanía, a través de elevadísimos custos pagados con cartos públicos”, engade Barreiro.
Ante as accións de protesta do persoal, a dirección do hospital decidiu trasladar á inspección do Sergas o estudo para a aplicación de sancións. Este feito, cualificado pola Marea de Vigo como unha “actitude impresentable”, foi criticado por todos os representantes sindicais, aínda que logo, tras unhas reunión entre a dirección do hospital e o comité de empresa se deixaron sen efecto algunhas multas pero non todas.