La Carpintería presentou unha proposta baseada en produtos presentes nas cociñas galegas e vascas e que lle fixera gañador por segundo ano consecutivo do concurso Petisquiño de Vigo. Trátase dun pastel prensado de xurelo mariñado que inclúe tamén pemento asado, anchoa en conserva, caviar de olivas negras e dados de vermú galego xelatinado, nun conxunto enmarcado por dúas tellas crocantes de pan tramezzini e aderezado con sal, pementa e lima.
Malia todo, non puido evitar a vitoria de González Vallejo, que gañou a cuarta edición do certame grazas aos votos do xurado profesional, que salientou por riba do resto o seu petisco ‘Vieira afumada carballolaurel sobre arroz de algas’. Ademais, fíxose tamén co Premio do Xurado Popular ao ser o máis votado polo público asistente, integrado por expertos do sector, asociacións, xornalistas e blogueiros.
A gala De Tapas por Galicia forma parte das accións de Turismo de Galicia para a difusión da creatividade dos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo urbano. No evento, os profesionais participantes remataron a elaboración dos seus pratos en directo, explicando o seu proceso de creación.
No marco do hotel AC Palacio del Carmen de Santiago, competiron nesta edición Alejandro Martínez Bacelo (Café Vanessa, Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón (Ecléctic, A Coruña); Álvaro Pérez Blanco (ArteSana Gastrobar, Santiago de Compostela); Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias (La Carpintería, Vigo); Bianca Coura, Gerson Iglesias e Pablo Domínguez Veloso (A Adega das Caldas, Ourense); e Alejandro Méndez Lázare (Os Cachivaches, Lugo).