En representación da Asociación de Veciños de Coruxo, Eva Alonso interveu ante os representantes políticos para solicitar o seu respaldo no mantemento da praza de pediatra no ambulatorio da parroquia. Todos os partidos apoiaron a demanda e o alcalde de Vigo avanzou “mobilizacións” para “reverter” a situación.
Alonso explicou que, “pola falta de previsión do Sergas” de tramitar a praza para cubrir a xubilación do médico que prestaba este servizo, os nenos “quedaron sen pediatra”, e co seu traslado a Navia, a situación “empeorou”, pois tan só hai dous pediatras que teñen unha sobrecarga de máis de 1.000 nenos cada un.
A iso agregou que “aos poucos, as cartillas que pertencían ao centro de saúde de Coruxo” están a ser cambiadas a outros centros, co obxectivo de “reducir as cartillas, porque con menos de 900 cartillas prodúcese o peche automático do servizo”. “Sabemos o que queren: o peche do centro de saúde por completo”, advertiu.
Con todo, avisou que “non o van permitir” e para isto solicitou, en nome dos veciños das parroquias afectadas, “axuda” a todos os grupos do pleno municipal “para garantir unha sanidade pública e de calidade” e conseguir “que salga a concurso a praza de pediatra de Coruxo, e que, mentres, sexa cuberta por un pediatra” substituto.
O portavoz da Marea de Vigo, Rubén Pérez, remarcou que esta situación segue a “tónica xeral do que pasa cos servizos sanitarios”, e en concreto, apuntou a “unha tentativa de ir derivando a pediatría á sanidade privada”. Neste marco, apostou por “botar unha man” para que este servizo estea garantido e porque Sanidade incentive as prazas de pediatras no MIR.
Polo PP, Elena Muñoz reiterou o apoio do seu partido ao mantemento do servizo e do propio centro de saúde, xa que é “absolutamente imprescindible”; unha cuestión que lembrou que xa o trasladaron aos veciños e ao Sergas. “É fundamental ter un pediatra preto de confianza, e o traslado a Navia é un problema de mobilidade”, remarcou.
A prol das auxiliares de enfermería
Ademais, Marea de Vigo e o PSOE, coa abstención do PP, aprobaron a moción presentada polos primeiros para trasladar a solidariedade da Corporación coas auxiliares de enfermería do Álvaro Cunqueiro e o seu rexeitamento as “coaccións” exercidas pola dirección do hospital ás traballadoras. Instan á xerencia a retirar os expedientes e devolver á concesionaria a función de traslado da roupa sucia dos pacientes.
A orde ás auxiliares de enfermería do hospital Álvaro Cunqueiro de encargarse tamén do traslado das bolsas de roupa sucia dos pacientes foi o “detonante”, indica o texto, das mobilizacións do persoal ao considerar esta función impropia.
O acordo aprobado traslada a “solidariedade” do Pleno do Concello de Vigo ás traballadoras e o “apoio ás súas reivindicacións dentro da loita pola defensa da sanidade pública”, ao tempo que “rexeita ás coaccións exercidas pola dirección do hospital contra este persoal”.
Nun segundo punto, a Corporación insta á xerencia do Álvaro Cunqueiro “á retirada dos expedientes que foron trasladados á inspección do Sergas co obxectivo de estudar as sancións ás traballadoras”. Por terceiro e último punto, o Pleno require da mesma xerencia que “faga responsable novamente desta función á sociedade concesionaria”, empresa beneficiaria de “cuantiosas remuneracións anuais de cartos públicos”.