A través desta actuación, posta en marcha pola institución provincial por segundo ano consecutivo, preténdese informar e previr as violacións en cita e as agresións por submisión química.
Na reunión participaron dende a directora e psicóloga do CIM de Nigrán, ata o xefe da Policía Local e persoa responsable do posto da Garda Civil na vila, persoal de Protección Civil e a médica e enfermeira do centro de saúde A Xunqueira, que velarán polo normal desenvolvemento do Vive Nigrán, que se estenderá desde hoxe ata mañá na vila, e garantirán a seguridade de todas as persoas que acudan ao evento. Durante o encontro, explicáronse os obxectivos das campañas de Igualdade postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e fíxose fincapé en que, este ano, estase a dar un paso máis cara a implicación dos mozos na campaña coa finalidade de que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de conductas, non sexan cómplices e se sitúen fronte aos agresores ao tempo que se promoven relacións en igualdade baseadas no respecto.
Ademais da presentación das campañas, durante a reunión entregouse material informativo para situar no posto da Garda Civil, da Policía Local e nas dependencias municipais. Igualmente, facilitáronse recomendacións para unha axeitada atención dende a perspectiva de xénero ás vítimas deste tipo de delitos e realizouse unha análise da resposta á hora de intervir, revisando os protocolos específicos de cada un dos ámbitos representados na reunión e apostando pola coordinación. Tamén se fixo énfase na importancia da perspectiva de xénero no marco dos traballos a realizar para garantir o normal desenvolvemento do festival e a seguridade das persoas participantes, amosando exemplos de boas prácticas e repasando os principais problemas que se atopan as e os profesionais á hora de intervir.
O goberno de Carmela Silva ten previsto realizar estas accións informativas e de coordinación cos colectivos de atención ao público en todos os concellos nos que se levarán a cabo os #RiasBaixasFests, co fin de proporcionar ferramentas e desenvolver protocolos de colaboración e coordinación ante unha posible agresión sexual.