Voro García comezou a tocar a trompeta aos 8 anos, sendo becado para estudar jazz no Berklee College of Music (Boston), onde se graduaría ‘magna cum laude’ no 2007. Ten actuado en importantes festivais con diferentes proxectos como Montreaux Jazz Festival (Suiza), Copenhagen Jazz Festival, Festival de Jazz de Campeche (Mexico), Manila Jazz Festival (Filipinas)…
Antes da actuación do valenciano, ás 21:00 horas, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo inaugurará o Nigranjazz con Xosé Miguelez ao saxo tenor e Max Gómez á batería, todos músicos galegos de primera liña. Como colofón á noite, o baterista Emilio Atanes e o seu cuarteto abrirán no mesmo recinto a jam-session que, de seguro, se prolongará ata a madrugada.
Pero para os músicos e os máis afeccionados ao jazz o festival arranca o venres ás 12:30 no Auditorio Municipal de Nigrán coa xa tradicional clase maxistral, que correrá a cargo de Peter Bernstein e o sábado do tamén guitarrista Jesse Van-Ruller, protagonista do concerto da noite no esteiro de A Foz. O prezo das clases maxistrais é de 15 euros por unha soa ou 20 euros polas dúas.
Como hai xa dous anos, o evento gastronómico ‘Rilla na rúa’ acompañará ao festival coas súas camionetas con comida ‘gourmet’ aparcadas no paseo da Foz e patrocinando a actuación de rúa do grupo das Rías Baixas ‘Low Bay Hot Band’ na sesión swing da tarde do sábado.
O sábado 28, a actuación principal será a cargo do guitarrista holandés Jesse van Ruller, gañador en 1995 do premio Thelonious Monk International Jazz Guitar Competition, sendo o primeiro europeo en alcanzar este prestixioso premio cun xurado composto por xenios como John Scofield, Pat Metheny, Jim Hall e Pat Martino. Jesse compartiu estudio e escenarios con músicos coma Tom Harrell, George Duke, Christian McBride, Clarence Penn… O galego Dani Font co seu trío será quen o preceda no escenario ás 21:00 horas.