O proxecto está financiado nun 80% pola Deputación de Pontevedra a través dunha subvención destinada á mellora de equipamentos, servizos ou dotacións singulares para municipios de menos de 20.000 habitantes e o Concello asumirá o 20% restante.
Civis Global é un grupo galego con sede en Vigo dedicado á construción e servizos. Está especializada en construción de infraestruturas públicas (hidráulicas, estradas, portos) e privadas (naves industriais, edificios de oficinas), así como na rehabilitación de edificios e espazos urbanos e na prestación de servizos (abastecemento e saneamento de auga, servizos deportivos, mantemento de campos de fútbol). A compañía emprega a 400 persoas e a súa facturación alcanza os 40 millóns de euros. En Nigrán conta con obras singulares en Porto do Molle como o Centro de Iniciativas Empresariais ou a nave de Ecoforest e a senda peonil e ciclista da PO-325.
Así, tal e como xa se anunciara, o novo edificio construirase nunha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco), nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado.
O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.
O proxecto do estudio Gándara#Pons contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 metros cadrados (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética.
Cun deseño minimalista e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen soto. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; no primeiro andar (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; no segundo (272 m2) zona de préstamo para adultos e no terceiro (235 m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.