Ata o momento, no ecuador do verán musical na provincia, o organismo provincial segue a desenvolver a campaña de sensibilización para previr as violacións e as agresións por submisión química.
A iniciativa iniciada o ano pasado baixo o lema ‘Lembra, eu decido, ti respecta’ vai dirixida tanto a mozos como a mozas e con ela repártense material explicativo no que se mostra con claridade os límites nas relacións e danse a coñecer este tipo de agresións facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima.
A novidade deste ano para todos os #RíasBaixasFests é a posta en marcha da campaña ‘Conta Comigo. Eu Respéctote’, especialmente dirixida aos mozos. Con ela preténdese que estes amosen o seu rexeitamento ante este tipo de conductas, non sexan cómplices e situarse claramente fronte aos agresores.
O posto de igualdade da Deputación atendeu a máis de 4.500 persoas durante os primeiros catro festivais, repartiu 4.400 sombreiros, 13.200 adhesivos e distribuíu máis de 8.000 trípticos. A iniciativa está a espertar un grande interese, especialmente entre as mulleres, que son o 62% das persoas que achegáronse ata os puntos de información. Moitas delas interactuaron coas axentes de igualdade para compartir casos de violencia sexual que viviron de primeira man.
Respecto a ‘Somos Historias, Somos Sostibles’, o ente provincial xa repartiu máis de 6.000 ecocabichas (1.200 no Portamérica, 1.500 no Vive Nigrán, 2.200 no Atlantic Fest e 800 no Sinsal). Esta acción, encamiñada ao compromiso co medio ambiente, está pensada para concienciar á sociedade sobre a importancia de recoller os residuos máis nocivos nestas contornas, como son as cabichas e os plásticos. Así, búscase que o público recolla estes materiais e a cambio se beneficien de sorteos de entradas para festivais na edición do 2019.
As tres campañas tamén estarán presentes o vindeiro fin de semana en Bueu, co SonRías Baixas, posteriormente no Marisquiño de Vigo e no Revenidas de Vilaxoán.