Desde esa data Policía Local poderá denunciar a todos os vehículos que cometan infraccións e non coloquen o tícket nun lugar visible do vehículo. O horario da zona azul será de 09:00 a 14:00 horas tódolos días laborais, agás domingo e festivos e permitirase aparcar durante unha hora e media ao día totalmente de balde.
Cinco dos seis parquímetros comezarán a funcionar nos vindeiros días mentres que o sexto parquímetro, situado na confluencia das rúas Vidales Tomé e Emilio Rodríguez, será posto en funcionamento con posterioridade.
O Concello explica que, para obter o tícket, “tan só haberá que premer o botón verde, marcar a matrícula do vehículo e volver premer o botón verde para proceder á retirada do ticket e colocalo no parabrisas”.
Unha vez concluído o tempo máximo de utilización, o vehículo deberá abandonar o estacionamento e non poderá volver aparcar durante o horario establecido para limitación de estacionamento durante esa xornada.
A zona azul seguirá sendo de balde e nos parquímetros expedirase un tícket no que figure o número do expendedor e os datos do vehículo así como a hora de comezo e remate do estacionamento. Para asegurar a rotación e bo funcionamento da zona azul no tícket incorpórase o número do expendedor que identifica cada parquímetro.
Os cinco parquímetros xa existentes manteranse na mesma ubicación: praza Bugallal, rúa Reveriano Soutullo esquina Avda Constitución, Morales Hidalgo (auditorio), rúa Arxentina e rúa Perillana (esquina praza de abastos).
Posible ampliación á tarde
Nos vindeiros meses é posible que se engada un tramo horario pola tarde para que tamén se produza a desexada rotación.
O Concello aclara que a zona azul “ten como obxectivo dinamizar as zonas de aparcamento e que toda a veciñanza teña a oportunidade de achegarse ao centro urbano para realizar as súas compras e xestións” querendo garantir así “máis axilidade e maior oportunidade de aparcamento, quedando as zonas de aparcamento municipal, que se atopan no perímetro do centro a unha distancia inferior a cinco minutos andando, para aqueles vehículos que precisen estar estacionados un longo prazo de tempo”.
A cidadanía poderá atopar trípticos informativos na casa do concello, na biblioteca, nas dependencias da Policía Local e nos comercios do centro urbano.