Klampanis integra nas súas composicións unha variedade sonora que lle proporciona a súa vida nómada e na súa procura por novos sons inclúe elementos de xéneros distantes como o clásico e o pop, sen abandonar as súas raíces balcánicas.
O contrabaixista estará acompañado por outras dúas figuras do jazz contemporáneo, o pianista Kristjan Randalu e o batería Ofri Nehemya, que xuntos forman unha das bandas más destacadas do panorama internacional.
Ademais, o Canjazz 2018 terá o luxo de contar o mesmo luns ás 16:00 horas cunha master class ofrecida por Klampanis titulada ‘How to find your voice as an artist’ (como atopar a túa voz como artista), dirixida a todas aquelas persoas interesadas.
Sesión vermú e jam session
O trío doutro gran contrabaixista, neste caso o músico de Bueu Juyma Estévez, poñerá son á primeira sesión vermú do Canjazz 2018 que terá lugar na Praza do Arco ás 13:00 horas. Estévez estará presentando o seu último traballo, ‘Viento del Norte’, acompañado polo guitarrista David Regueiro e o batería Noli Torres.
A madrugada seguirá rendendo homenaxe ao jazz co concerto e jam session que se celebrarán na cafetería Plantaciones de Cangas a medianoite. O batería Chus Pazos, acompañado polo saxofonista e cantante Toño Otero, e o contrabaixista Juansy Santomé, ofrecerán un refrescante repertorio cheo de swing e coñecidos standards. A continuación comezará a jam session.