O voceiro da formación, Rubén Pérez, defendeu que culpar aos responsables do evento vén a sumarse “ao seu caudal de despropósitos, como sucedeu coa xestión do conflito da estiba ou o permanente enfrontamento que mantén cos traballadores e traballadoras do Porto”. “Como pode dicirse que o responsable é a empresa que solicita un espazo público para facer un acto?”, preguntouse.
Ademais, Pérez insistiu en que “non se pode esperar un minuto máis á apertura da comisión de investigación, que terá tamén que analizar a actuación levada a cabo en canto ao control de aforo do evento, co obxectivo de garantir a seguridade en futuros eventos”. “Isto ten que ser resolto agora, e non dentro de 10 anos, como semella vai acontecer ao non dar a resposta que corresponde por parte das institucións”, engadiu.
Pérez tamén acusou ao Concello de Vigo pola súa “inoperancia” con responsabilidade e por “ter unha ‘UTE’ montada co presidente da Autoridade Portuaria, levando ambos a cabo unha xestión opaca sobre o acontecido e amosando a existencia dun pacto entre ambas administracións para eludir responsabilidades”.
Para a Marea de Vigo, carece de total sentido que “da noite á mañá, poidan aparecer dúbidas sobre o plan de autoprotección ou sobre se os concertos estaban solicitados na praza da Estrela, como sempre foi, ou na localización onde se celebraron finalmente”.
Documentación
Pola súa banda, o concelleiro Xosé Lois Jácome incidía na “falta de transparencia” á hora de aportar a documentación e a necesidade de poñer ferramentas para evitar futuros accidentes semellantes ao acontecido no Marisquiño.
“A día de hoxe non se ten recibido nada da documentación solicitada e necesaria para que poidamos dilucidar politicamente quen son os responsables deste terrible accidente vivido no Marisquiño. As administracións teñen que poñerse xa a traballar e a asumir responsabilidades, co obxectivo de evitar que nun futuro volva a pasar un accidente destas características”, indicou.
A colación disto, Jácome lembraba que “esa zona non é a única que pode resultar perigosa para a cidadanía a causa da pugna constante entre administracións, como por exemplo o paseo de Bouzas, que se atopa en estado lamentable e foi obxecto de diferenzas constantes á hora de facerse cargo do seu arranxo”. “Vaise aprender algo desta experiencia no Marisquiño?”, cuestionouse o edil da Marea de Vigo.