A formación conta coa peculiaridade de ter dúas baterías, unha dirixida polo percusionista galego Iago Fernández e a outra por unha das lendas vivas do jazz, o batería estadounidense Jeff Willians, un deses músicos que xa forma parte da historia do jazz con nome propio, compañeiro doutros grandes artistas como Stan Getz, Dizzy Gillespie, Lee Konitz, Dave Liebman. O resto do grupo está composto polo saxofonista cubano Ariel Bringuez e o pianista galego Xan Campos.
Astah é unha palabra en Quichua, dialecto do Quechua, falado nalgunhas provincias do norte de Arxentina, de onde é Demian Cabaud. Entre outros significados ten o de transportar, involucrar, implicar e como di o propio Demian, é a sensación que el ten cando toca música con esta grupo.
Sesión vermú
O saxofonista valenciano Joan Saldaña, elixido mellor solista do Festival de Getxo 2018, e o seu cuarteto poñerán banda sonora a sesión vermú deste mércores que se celebrará na Praza das Pontes de Cangas, ás 13:00 horas. O cuarteto complétano o francés Wilfred Wilde á guitarra, o valenciano Javi Pérez no contrabaixo e o madrileño Rodrigo Ballesteros na batería. Saldaña repasará temas do seu último traballo, Despertant, un traballo de jazz moderno, alegre e persoal que ten toques de clásico e rock.
Mesa redonda e jam session
Fernando Sánchez Trio poñerá o broche final ao Canjazz 2018 co concerto de apertura da última jam session, que terá lugar no Restaurante e Terraza Menduiña, en Aldán. O saxofonista Fernando Sánchez, que actualmente reside en Holanda, estará acompañado polo contrabaixista Álex Touceda e o batería David Puime, que tamén durante o último ano tamén se atopa realizando estudos superiores de jazz nos Países Baixos.
Ás 19.00 horas, no salón de plenos do concello, terá lugar a mesa redonda ‘A música é traballo’. Nela participarán tres persoas expertas nas condicións laborais das e dos artistas musicais, o sindicalista David G. Aristegui, unha das managers e produtoras máis relevantes do sector musical en Galiza, Inés Portela, e o representante da Asociación Músicas ao Vivo e de Músicos ao Vivo Sociedade Cooperativa Galega, Manuel Alonso. A mesa redonda está dirixida a toda a poboación que está convidada a participar e intervir na mesma.