Para propiciar a cooperación institucional, a fronte nacionalista propón a posta en marcha dunha «Mesa do Porto de Vigo». «A Mesa do Porto debe ser un espazo para a coordinación entre as diversas administracións e os axentes sociais implicados na vida portuaria e na cidade», explica Serafín Otero, responsable local do BNG. Neste sentido, propoñen que a Mesa estea integrada por representantes da Autoridade Portuaria, Concello de Vigo, Xunta de Galiza, Zona Franca, así como de organizacións sectoriais vinculadas ao Porto (como a Cooperativa de Armadores), a Federación Veciñal, sindicatos, comerciantes, Universidade de Vigo, colectivos de defensa ambiental e a Plataforma en Defensa da Ría de Vigo. «Fronte ao conflito interesado e partidista é hora do diálogo construtivo e da cooperación en favor do desenvolvemento do Porto e da súa mellor integración urbana», explica Otero.
O BNG entende que a primeira tarefa da nova Mesa do Porto de Vigo é auditar a nivel arquitectónico e de seguranza o estado de toda a superficie e instalacións portuarias de acceso público e acordar a súa remodelación. «Despois do sucedido no paseo das Avenidas e do lamentable estado de conservación do paseo de Bouzas, é urxente actuar antes de ter que volver a lamentar un accidente», advirten desde a fronte nacionalista.
Serafín Otero denunciou a «nefasta xestión» que por parte das administracións implicadas se fixo até o momento do accidente do Marisquiño. «467 persoas feridas e as súa familias levan case dúas semanas vendo como as administracións en lugar de implicarse en asistilas e buscar solucións, optaron por un espectáculo lamentábel botando as culpas ao de en fronte», critica Otero. En opinión do dirixente nacionalista é «incomprensíbel e inaceptábel a demora na posta en marcha da oficina de atención ás vítimas», situación que non se debe repetir e para o que instan ao goberno municipal a revisar os seus plans e dispositivos de emerxencia. «Diante dun accidente como este a resposta tiña que ser inmediata, as vítimas deben ser o primeiro».
O Bloque reitera o seu agradecemento ao traballo dos servizos de emerxencia e persoal sanitario que atendeu as persoas feridas. «Até o momento foron os únicos que estiveron á altura e merecen todo o noso recoñecemento». En troca, Otero cualificou de «bochornosa» a actuación do Partido Popular ao «utilizar un grave accidente, que por fortuna non acabou en traxedia, para facer campaña».
Así mesmo, Otero volveu exixir a máxima transparencia e unha investigación a fondo , fronte a «opacidade» coa que están actuar Concello de Vigo e Autoridade Portuaria. Así o reclamou o BNG propoñendo nos últimos días a creación dunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia. «Temos que saber que pasou e porque pasou. Non só para depurar responsabilidades, senón sobre todo para evitar que volva suceder nada parecido», defende.