O goberno esgotará a partida de 30.000 € adicada a este fin e, a maiores, levará a Pleno unha modificación de crédito de 25.000 euros ao detectarse novas necesidades nos centros educativos. Estas actuacións nos colexios públicos de Infantil e Primaria do municipio foron levadas a cabo na súa maioría por operarios municipais e beneficiarán a máis de 2.000 alumnos.
«En tódolos casos se trata de reformas moi necesarias que se reclaman dende a propia dirección dos centros e que, na medida do posible, se realizan durante o verán co obxectivo de non entorpecer para nada o curso escolar. Cando arrancamos este goberno a partida era de 5.000 euros que nos fomos multiplicando exponencialmente ano a ano «, explica o alcalde, Juan A.González.
Así, no CEIP da Cruz (Camos) contémplase pintado de aulas, reparación do peche perimetral e sustitución das canaletas de recollida de augas. A parte contratouse o axardinamento e acondicionamento de boa parte do patio exterior.
No CEIP Carlos Casares de Vilariño a artista Lula Goce levou a cabo en abril o pintado da súa fachada cun gran mural alusivo ao escritor que da nome ao centro e que residiu nesta parroquia. Ademais, plantáronse 40 castiñeiros nunha parcela anexa ao centro e que se engadirá o recinto no xa bautizado como ‘Souto Carlos Casares’. Finalmente, operarios municipais pintarán as aulas e repararán o peche perimetral.
No CEIP Mallón operarios municipais están actualmente ampliando o comedor escolar engadindo a este espacio un aula anexa en desuso. O mobiliario exterior do centro será renovado, así como o canalón de recollida de auga.
No CEIP Humberto Juanes de Nigrán rehabilitouse en febreiro a súa pista multideportes exterior mediante a reposición do formigón, pulido e pintado posterior, ademais de crear ramplas accesibles. A maiores, durante este periodo de vacacións pintaranse aulas e crearase coa colaboración da ANPA e dirección do centro un novo xardín de lecer. Asemesmo, o Concello renovou o peche perimetral creando ao seu carón un sendeiro peonil de acceso ao centro totalmente seguro. Finalmente, na Escola Infantil Dunas pintáronse as aulas e renovarase toda a instalación eléctrica co obxectivo de aumentar a potencia.
«Apostamos pola ensinanza pública e asumimos cada verán obras de mellora co obxectivo de non crear incomodidades durante o curso», resume o alcalde.