Os afectados e diferentes colectivos sociais concentráronse diante da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela acompañados do diferentes cargos do goberno local, entre eles o alcalde, Xosé Represas. Nais e pais expuxeron distintas alternativas, como que o alumnado quedara un ano máis para cursar primeiro de Primaria ou o seu compromiso de escolarizar aos seus fillos no vindeiro curso aumentando a matrícula.
“Ningunha explicación nin a propia experiencia relatada polos pais en canto as vantaxes das escolas unitarias foron suficientes para o secretario da Consellería do goberno de Feijoó, que confirmou a decisión tomada e adiantou que o criterio da Xunta e que ningunha unitaria que se peche se volva reabrir aínda que se recupere o alumnado na parroquia”, denuncia o Concello de Ponteareas nun comunicado.
Os representantes municipais lembráronlle á Consellería a súa propia campaña ‘Ruralízate’ en aposta polo rural e insistíronlle na “contradición na que caen gastando milleiros de euros en propaganda mentres por outro lado pechan servizos tan básicos como o ensino que dificultan a vida das familias nas parroquias”.
Sinaturas
As nais e pais entregaron no rexistro xeral 68 folios de recollidas de sinaturas cun total de 1.167 apoios de San Mateo e doutras parroquias. Unha das afectadas é Begoña García Castro, veciña do barrio de Valdoeido, que asegura que a súa filla avanza moito máis nun centro no que a atención é personalizada e no que se realizan moitas saídas para coñecer os arredores.
Contenta co horario de 09.00 a 14.00 horas e acostumada a ter a súa filla preto do fogar, Begoña pensa que as escolas no rural deben seguir abertas e incluso mellorar ano tras ano. Esta nai pide a todos os pais e nais que apoien as súas reclamacións.
“É difícil ter unha escola aberta se non hai alumnos pero co compromiso das nais e pais de matricular aos seus fillos no vindeiro curso escolar e coa incorporación de primeiro e segundo de primaria xa sería suficiente para conseguir as cifras que necesitan os baremos da Xunta”, expón.