Por iso, o voceiro da formación, Rubén Pérez, demandou a “clausura e derribo” do establecemento para “facilitar a rexeneración do espazo dunar”, que podería gañar máis de tres metros de areal e recuperar gran parte da flora autóctona.
Xa no seu día, as formacións políticas integradas en Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), xunto á Asociación ecoloxista Amigos da Terra, criticaron a concesión outorgada a este recinto de restauración porque significaba “liquidar” o proxecto de recuperación de Samil, que requería a eliminación do paseo e o traslado dos usos lúdicos e deportivos para poder levar a cabo tal rexeneración ambiental.
Pérez lembrou este xoves que o Marina Cíes, “autorizado de xeito teimoso por Abel Caballero”, está situado en terreos destinados ao Sistema Xeral de Zona Verde Alcabre-Samil, no que “quedaba claro que a nova adxudicación dunha nova concesión para un uso terciario resultaba totalmente incompatible cos usos que o PXOM vixente naquela altura proxectaba no ámbito”.
Así, o grupo municipal da Marea de Vigo considera dun “grande cinismo” que Caballero traslade agora á ministra de Transición Ecológica a recuperación dun Plan de Rexeneración que el mesmo “dinamitou” coa licenza do Marina Cíes.