“Temos en marcha un proxecto para a mellora da rede de abastecemento e están paralizado dende hai tres meses pola Xunta”, sinalou o voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font. O concelleiro destacou que un dos puntos que estaría beneficiado pola mellora é o colexio de San Salvador de Teis. “Precisamente un lugar que foi motivo das críticas do PP hai poucos meses”, engadiu.
Font tamén lembrou que a Xunta ten bloqueadas en Vigo outras actuacións, como as humanizacións de Camelias e García Barbón ou os proxectos de Vigo Vertical para a Gran Vía e a reforma da Porta do Sol.
Zonificación escolar
Por outra banda, o edil reclamou a administración autonómica que poña solución aos problemas da zonificación escolar na cidade, xa que centos de nenos deben percorrer moitos quilómetros. “A Xunta ten que redistribuír aos alumnos con racionalidade e atendendo a criterios de proximidade, tendo en conta tamén a idade do alumnado que se despraza, de entre 11 e 12 anos, e a relación que ten que haber entre centros”, explicou.
Font apuntou que a través do Consello Escolar Municipal, o goberno local xa solicitou cambios na zonificación e tamén ofreceu terreos no PAU de Navia para a construción dun novo centro escolar que evite o desprazamento de alumnos.
“O curso escolar está a punto de comezar e a Xunta segue sen dar solución a centos de nenos”, apuntou antes de explicar que tamén persisten os problemas co transporte, posto que tres centros (Mosteiro, Paraixal e Eduardo Pondal) non teñen cobertura da administración autonómica e unicamente reciben axudas do Concello.