O edil asegurou que con este memorial «dáse o pistoletazo de saída para que o baloncesto, e o baloncesto de calidade, teñan cada vez máis espazo en Vigo», dixo. E resumiu a Quino Salvo como «unha figura señera do baloncesto».
Julio Bernárdez, presidente da Asociación Quino Salvo, explicou que «tratando de mellorar» o evento, o grupo de traballo atopouse «cun ano especialmente complicado» para conseguir un cartel de renombe, pero finalmente se conseguiu «o mellor partido; ata agora tivemos nome co Obradoiro, Joventut e Barcelona, pero agora traemos dous equipos cun adestramento importante ao estar en portas de empezar a tempada». E que o Porto xoga competición europeas cinco días despois da cita viguesa e o Andorra comeza a Liga ACB o 27 deste mes. Por iso «van demostrar todo o seu potencial», sostivo Bernárdez.
José Salvo, irmán do xogador falecido en 2016, indicou que «non hai palabras para expresar o agradecimento da familia» e afirmou que grazas ao Memorial «é como volver a telo presente».
Moncho López, que levou a España á prata no Europeo absoluto de 2003 e dende 2009 dirixe ao FC Porto, recoñeceu que «me apetecía moito estar aquí porque fun adversario de Salvo na ACB (o ferrolán en Xixón, o vigués en Cantabria) e porque Vigo «é unha cidade que significa moito para min personalmente» (nela naceu a súa filla) e que «foi berce de grandísimos xogadores e adestradores. Ademais, cre que dende Porto virán moitos seguidores».
O programa de actividades comeza este martes cunha exposición fotográfica en Príncipe, como o ano pasado, que se manterá ata o día 14. O sábado 15, data do partido, a Praza do Rei (de 10:00 a 14:00) encherase de minibasquet co torneo alevín no que participarán equipos de Vigo, O Porriño, Marín e Cangas. E ás 16:00 horas, o NH Palacio de Vigo recibirá unha charla coloquio sobre baloncesto cos adestradores de Andorra (Ibon Navarro) e Porto (Moncho López), ademais de co veterano Pepe Laso.