Ilusionados e optimistas, as familias do centro aférranse ao compromiso trasladado polo secretario xeral técnico na reunión de hai unha semana de manter aberta a escola se atopaban tres alumnos máis dos que tiñan a finais de agosto.
Sen sabelo, estes cativos comezan a súa andaina educativa garantindo a permanencia desta escola que só tiña que superar o reto deste curso 2018-19 xa que para o vindeiro ano xa eran moitos os pais e nais os que adiantaron o seu compromiso de matricular aos seus fillos e fillas que xa estarían en idade educativa.
O problema radicaba no curso que comeza xa, un problema resolto grazas á loita das nais e pais e ao apoio de todos os colectivos veciñais e sociais, da Fundación Zúñiga, da FANPO, da ANPA Xuntanza, dos grupos da oposición EU e ACIP e de todo o goberno de Ponteareas.
Os novos ‘membros’ da escola son unha nova familia que se traslada a San Mateo atraída polo servizo da unitaria e pola loita veciñal, unha profesora que consciente da importancia do ensino nunha unitaria cambia a matrícula do seu fillo dunha escola privada á de San Mateo e outra familia máis que soubo que o ensino nunha escola non masificada era moito máis agarimoso para os primeiros pasos do seu pequeno no mundo educativo.
As nais e pais de San Mateo entregaron este martes no rexistro de Ponteareas a documentación que enviaron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó; ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao xefe territorial, Pérez Ares, á dirección do CRA (Centro Rural Agrupado) e á inspección de educación.
As familias xa solicitaron unha xuntanza con todos os grupos da corporación municipal para trasladarlles a súa nova situación e obter o seu compromiso e apoio.