A doutora Otero, que xa era membro da xunta directiva desta asociación, expresou a súa satisfacción ante este nomeamento. “Teño unha enorme responsabilidade pero ao mesmo tempo estou feliz porque é o recoñecemento da radioloxía galega en xeral, e a do Chuvi en particular. Estou orgullosa dos meus mestres e do meu hospital. Aprendín deles a forma de traballar, o esforzo e a curiosidade científica por saber máis e máis”, sinala.
Tamén tivo palabras de agradecemento para o seu equipo, sen o cal “sería imposible chegar ata aquí”. “Ao traballar nun equipo intradepartamental e multidisciplinar, co resto das especialidades médicas e dos hospitais nacionais e internacionais, podemos acadar a necesaria calidade científica para prestar a mellor atención aos nosos doentes. Estou impresionada co meu equipo de radiólogas e radiólogos, e co persoal técnico e de enfermería da área de radioloxía de abdome e xenitourinario. Son eles os que me animan e estimulan día a día”, salienta.
A xerencia da área sanitaria viguesa tamén ve neste nomeamento “un motivo de orgullo, xa que pon de manifesto que a radioloxía do Chuvi está nos máis altos estándares da radioloxía europea”. O xefe do servizo de Radiodiagnóstico, o doutor Xan Vieito afirma que “é un orgullo tanto para o servizo como para o Hospital o dispoñer dun dos seus membros na cúspide europea desta importante área da Radioloxía”.
“Ademais, é unha oportunidade magnífica para o noso persoal, e especialmente para os mais novos, á hora de abrir novas fronteiras do coñecemento ou de participar en foros ou grupos de Investigación a nivel europeo ou internacional. Estou convencido de que dende a súa posición contribuirá ao engrandecemento no terreo científico e humano da súa sección, do servizo e do hospital ao que pertence”, engade.
A vangarda da radioloxía europea
A doutora Milagros Otero, especialista en radioloxía, desenvolveu gran parte da súa carreira profesional no hospital Xeral de Vigo. O pasado ano foi nomeada xefa de sección de Radioloxía Abdominal e Xenitourinaria do Chuvi. Ente outros cargos é a actual presidenta da Sociedad Española por Imagen del Abdomen e membro do Comité Internacional do estudo de patoloxía de Pelvis Femenina da Sociedad Europea de Radiología. Ademais, será a represente europea do Congreso Americano da especialidade que se celebrará en Florida no próximo mes de marzo.
Destaca tamén a súa actividade docente e investigadora no ámbito internacional. Neste senso, cabe subliñar as ponencias e obradoiros que ven impartindo sobre a ‘Actualización y avances de la Resonancia Magnética en la Patología Uterina’, destacando os dos Cursos Erasmus 2017 e 2018, celebrados en Trieste (Italia) e Estocolmo.
“Estes cursos Erasmus de Resonancia Magnética teñen como obxectivo a formación avanzada doutros radiólogos e residentes de todo o mundo nas últimas innovacións desta técnica de diagnóstico radiolóxico, avances que xa están sendo aplicados aos pacientes da nosa área sanitaria”, afirma a doutora Otero.
O equipo de radiólogos que dirixe está colaborando en estudos con distintos hospitais internacionais, americanos e europeos. Un dos resultados desta colaboración é a Guía de Estadiaje Radiológico del Cáncer de Endometrio que será publicada proximamente na prestixiosa revista European Radiology.
O seu grupo tamén participou na elaboración da ‘Guía de Diagnóstico con Resonancia Magnética de los miomas uterinos’.