O rexedor, acompañado polo presidente do Bosco, Carlos Álvarez, a presidenta honorífica da entidade, Ángela Molins, a adestradora do primeiro equipo, Cristina Cantero, a xogadora Ainhoa Lacorzana e o patrocinador privado, Héctor Pérez (Zorka), considerou esta unha magnífica oportunidade para «ver baloncesto da máxima calidade, para pasar unha gran tarde de baloncesto feminino». O alcalde, ademais, afirmou, dirixíndose á adestradora e á xogadora, que «o equipo xoga tan ben que emociona».
Cristina Cantero, a responsable técnica do quinteto vigués, manifestou que «nos lembramos tódolos días de Paco, pero este partido é para que a cidade o viva connosco; será un día especial no seu honor». A cordobesa recordou que Araújo «sempre pelexou pola canteira e loitou con todas as súas forzas para que saíse adiante». De feito, haberá horas do partido antes un torneo de minibásquet alevín en Navia.
Pola súa banda, o presidente bosquista cre que o esforzo do club de enfrontarse a equipos de superior categoría (en 2016 o Perfumerías Avenida salmantino, o pasado ano o Uni Ferrol e agora o conxunto do Bierzo Alto) pretende «lembrar a imaxe de Paco, que a xente saiba o que significou para a cidade». De paso, a afección atoparase «cunha pedra de toque para a Liga», pois as visitantes están na élite dende 2012.
Héctor Pérez, de Zorka, concluíu mantendo que Araújo, falecido en febreiro de 2016, entrou neste patrocinio «porque Paco me convenceu», subliñou que o equipo «estao a facer moi ben» e desexou que «por fin este ano se dea o saltiño para estar aí arriba».