A Concellería de Comercio, Hostalería e Consumo pretende así que se consigan espazos de identidade e unidade estética e mesmo que o mobiliario e o deseño xeren un carácter propio e identificativo do lugar no que se sitúan. Así se consensuou cos hostaleiros nas reunións mantidas previa á redacción deste anexo.
O Concello quere que se produza unha coherencia no conxunto, buscando a simplicidade e evitando a proliferación innecesaria de obxectos que creen unha imaxe desordenada.
Entre as medidas, destacan que as terrazas deberán ser retiradas nun prazo de 30 minutos ao remate do horario de funcionamento das mesmas, as mesas e cadeiras non poderán levar publicidade salvo o nome comercial do establecemento e poderase empregar a madeira, a forxa, ratán ou propileno imitando aos materiais anteriormente descritos que poderán ser combinados con aceiro ou aluminio. Ademais, non poderán ser de material plástico branco agás que sexa unha imitación do anterior.
Igualmente, unicamente se permitirá a publicidade de marcas comerciais na faldra dos toldos ou dos parasoles, mentres que o nome do establecemento poderá ter o tamaño que considere o propietario. No caso dos parasoles ou toldos asociados ás terrazas deberán ser de cor verde nos espazos singulares, de cor branca nas prazas, e no resto das rúas permítense distintas cores como a amarela, o crema, terra, azul ou gris. O chan das terrazas variará dependendo da zona na que se sitúen .
Compensación a través dos impostos
Ademais, no pleno os votos do grupo de goberno permitiron tamén a aprobación da modificación da taxa por ocupación de terreos de dominio público local con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos.
Esta medida procura compensar aos establecementos ante o investimento que terán que afrontar, sendo resarcidos no pago da taxa agás nos casos de novas licencias que non tiveron que facer esta adaptación.