O proxecto, adxudicado a Civis Global por importe de 1.280.000 euros e subvencionados nun 80% pola Deputación de Pontevedra, comezarán coa retirada do mobiliario urbano e das árbores para poder emprender inmediatamente a escavación e posterior cimentación, coa previsión de que antes de final de ano a estrutura xa estea disposta. Civis Global xa conta en Nigrán con obras singulares en Porto do Molle como o Centro de Iniciativas Empresariais ou a nave de Ecoforest e a senda peonil e ciclista da PO-325.
O novo edificio sitúase nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado.
O proxecto do estudio Gándara#Pons contempla un edificio de catro andares de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 metros cadrados -a actual biblioteca do Cean ten 120 metros cadrados- e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética. Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para ser sostible.
O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada polo andar baixo.
Cun deseño minimalista con fachada de granito silvestre e planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, constará de catro andares sen soto. No baixo (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; no primeiro (269 m2) haberá hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; o segundo (272 m2) contará con zona de préstamo para adultos e no terceiro (235m2) habilitarase unha zona de estudo que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.