Hai unhas semanas que operarios municipais colocaron 16 metros do peche de madeira que delimita a zona do parque infantil do regato da Venda ao ser roubada, unha acción vandálica que xa se cometeu con anterioridade sendo esta a segunda vez que o Concello ten que repor este valo.
A día de hoxe volven faltar oito metros de valo e se aprecian outros danos no propio regato. Estes danos provocarán de novo un gasto en materiais e en horas de traballo de operarios municipais ademais do prexuízo que causa para a vecindade danar unha zona de lecer.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, insiste na necesidade de coidar do patrimonio público que se sufraga cos cartos de toda a cidadanía amosando respecto e mesmo compromiso á hora de coidalos e protexelos e pide a colaboración cidadá para poder identificar ás persoas que cometen estes actos.
Nas últimas semanas tamén se produciron danos en distintos elementos do mobiliario urbano (bancos, papeleiras, columpios…) ademais de ser queimados distintos colectores de lixo.