Deste xeito, a asociación e a rexedora mindoniense continúan co periplo iniciado en Mondoñedo, e o venres en Betanzos, de dar a coñecer esta cita nas sete cidades que foron capitais de provincia do Antigo Reino de Galicia. Por tanto, Tui é a terceira cidade que acolle a presentación destes festexos que, nesta ocasión, ao remate da mesma, contou coa interpretación de dúas pezas por parte do grupo Santa Columba de Ribadelouro que tamén tocará na festas mindonienses.
A alcaldesa de Mondoñedo agradeceu publicamente a acollida da Corporación de Tui, ao tempo que, aproveitou a ocasión, para convidar a todos os veciños desta localidade á cita festiva que se celebrará dende o 17 ao 21 de outubro, pois, segundo destacou, “ademais de coñecer a nosa cidade, a nosa xente, a nosa cultura, a nosa gastronomía…. é unha extraordinaria oportunidade para compartir e aumentar os lazos históricos que nos uniron noutrora”.
Neste senso, os integrantes da asociación organizadora, arroupados pola rexedora, continuarán nos vindeiros días a quenda de presentacións en Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense, completando así as sete cidades que foron capitais de provincia durante a Idade Media.