Antonio Ortiz (Sevilla, 1947) é arquitecto titulado pola Escuela Superior de Arquitectura de Madrid en 1974. Xunto co seu compañeiro Antonio Cruz crearon o estudio Cruz y Ortiz Arquitectos. Foron profesores invitados nos politécnicos de Zurich, Lausanne, Xenebra e Delft e nas Universidades de Harvard, Cornell e Columbia e na Escuela de Arquitectura de Pamplona. Desde 2004, son profesores honorarios da Universidad de Sevilla e ocupan a Cátedra Blanca da Escuela de Arquitectura.
Algúns dos seus proxectos e obras máis coñecidas son o edificio de vivendas na rúa María Coronel en Sevilla, o Pavillón de España na Expo de Hannover 2000, o Estadio da Cartuja de Sevilla, a ampliación da estación de ferrocarril SBB de Basilea, a estación de ferrocarril de Santa Justa en Sevilla, a ampliación do Rijksmuseum de Ámsterdam e o estadio Wanda Metropolitano do Atlético de Madrid.
Antonio Cruz e Antonio Ortiz recibiron varios premios recentemente, como son o nomeamento como membro honorario do Instituto de Arquitectos de América, a condecoración da Orden del León Neerlandés outorgado polo rei dos Países Baixos, e a Medalla de Ouro da Arquitectura pola súa traxectoria profesional. Con anterioridade, en 2013 tamén recibiron o Premio Internacional de Arquitectura Española pola obra do Rijksmuseum, así como o Premio Andalucía de Arquitectura 2008 pola estación de ferrocarril de Basilea e o Premio Nacional de Arquitectura Española, Premio de la Cuidad de Sevilla, Premio de la Ciudad de Madrid e a Medalla de Oro de Andalucía pola súa traxectoria profesional.