Así, o organismo presidido por David Regades asumirá o custe do proxecto básico que o arquitecto Francisco Márquez Taín elaborou no 2013 -coincidindo co desenvolvemento do parque- e que cifra a intervención en 173.500 euros.
Pola súa banda, o consistorio será responsable, unha vez finalizada a obra, do seu mantemento e conservación tendo ademais a obriga de darlle un uso de interese cultural compatible co funcionamento auxiliar do propio muíño (o proxecto contempla poñer en marcha unha das súas moas para amosar a actividade de antano e, ao mesmo, tempo un local na edificación anexa cuxo uso específico deberá definir o Concello).
«Esta era unha petición antiga do goberno de Nigrán e que David Regades si acolleu con entusiasmo, feito que agradecemos enormemente», sinala o alcalde de Nigrán, Juan González, quen reitera a importancia de “poñer o elemento en valor respectando ao mesmo tempo o seu interese histórico, etnográfico, tipolóxico e arquitectónico”.
Este muíño de Porto do Molle, un dos máis grandes da comarca con 25×6,5 metros de planta e tellado a tres augas, consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volume no que o soto está aberto ao exterior mediante tres arcos de medio punto polos que ía a auga tras moverse o mecanismo de rotación. Está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) cun grao de protección non integral e non está datado na súa ficha, estimándose a súa orixe no século XVIII.
As obras e movementos de terra no parque empresarial implicaron soterrar a súa canalización de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que actualmente non poderían funcionar os mecanismos, sen embargo, o proxecto contempla activalo creando un circuíto pechado que empregue un estanque anexo á construción.
Esta restauración, ademais de implicar un estudo histórico e control arqueolóxico da mesma, implica repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa desaparecidos de roturación e trituración. Paralelamente, a contorna será dotada de mobiliario urbano como bancos ou iluminación mediante balizas.