Larriba, na súa intervención tras a entrega de condecoracións, felicitou a todos os homenaxeados e a todo o corpo de funcionarios que prestan o seu servizo na Comisaría de Vigo e pediulles un “compromiso especial” na loita contra a violencia de xénero.
“Sei que na nosa cidade e na nosa provincia a situación é mellor que noutros lugares, pero as cifras totais no noso país téñennos que obrigar a redobrar os esforzos. Trinta e oito mulleres foron as vítimas mortais directas da violencia machista. E, os últimos sucesos, denótase un compoñente que produce un maior desasosego. O asasinato dos fillos e fillas como unha forma de facer un dano máis cruel se cabe que o propio asasinato da muller”, recordou a Subdelegada.
Por esta situación, pediu a todos os membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado un esforzo e implicación aínda maior do que estades a facer “porque as nosas prazas, os nosos xardíns e as nosas rúas teñen que ser lugares seguros para todos os cidadáns, pero en especial para todas as mulleres”.
A subdelegada tamén se referiu a que proximamente vaise cumprir os 40 anos da integración da muller na Policía Nacional e subliñou que, por primeira vez, a comisaria provincial vai ser una muller o que tamén normaliza que neste intre un trece por cento do persoal da Policía sexan mulleres.
Por último, e tras agradecer a dedicación de todos os traballadores da comisaría viguesa quixo ter un recordo para a axente Vanessa Lage, “a vosa compañeira que faleceu fai catro anos no cumprimento do deber nas rúas da cidade nun enfrontamento cuns atracadores”.
Aínda que o Día da Policía celebrouse este martes de xeito oficial, os actos en Vigo desenvolvéronse este mércores pola mañá.